Pero ela amaba.
Quizais cosía, facía caldo,
gustaba da ponte sobre o río.
Non podemos contentarnos
con que só quede dun ser
un nome na estatística.
E menos polo feito de ter sido
muller, humilde e solidaria.
Claudio Rodríguez Fer (Fragmento do poema “Morte oficial dunha muller descoñecida)[i]
O obxecto deste estudo é pór cara a esa muller ata agora misteriosa, coñecer a súa historia, coñecer as razóns –mellor as sen razóns- da súa morte. Non quería contentarme con que só quedara dela un nome para a estatística.
Erundina Álvarez Pérez foi a única muller fusilada entre os 133 axustizados polas autoridades militares no Campo de Aragón de Ourense, no antigo Cuartel de San Francisco. A mañá do 30 de setembro de 1936, cinco militares formaron o pelotón de execución que acabaría coa vida desta ourensá da Limia, acusada do delito de agochar un fuxitivo na súa casa.
A historia e a historiografía está aínda en débeda con todas esas mulleres que se implicaron na axuda dos fuxidos. Moitas mulleres limiás prestaron axuda aos fuxidos que se instalaban nas aldeas raianas como paso intermedio no seu éxodo cara a Portugal: Rosa Tejada Rodríguez, veciña de Muiños, ou Irene Rodríguez García, a chamada Pasionaria de Ferreiros, son exemplo daquelas verdadeiras heroínas. Pero houbo outra “Pasionaria” en Ferreiros, que correu peor sorte que as citadas, Erundina.
Como comenta o escritor Ángel Rodríguez, Ferreiros era unha aldea “vermella” do concello de Entrimo. “Os falanxistas rexistraban palmo a palmo aquela parroquia cebada de compromisos (...). Se a historia non se contase en clave masculina, elas, as mulleres da xeración da guerra civil, serían o miolo da nosa recuperación da memoria histórica (...) pois compuxeron un tecido solidario tan importante (...) como a loita antifranquista dos guerrilleiros, (ou) a supervivencia anguriosa dos fuxidos...” (Rodríguez, 2008: 42-44)[i]. A época a que se refire Rodríguez é posterior á dos sucesos que vou relatar sobre Erundina, que viría a ser unha pioneira na axuda aos fuxidos.
Erundina, cuxa familia era orixinaria de Ferreiros, Entrimo (e non de Ourense como citan algunhas fontes), viviu na rúa Liberdade no centro histórico da cidade de Ourense posiblemente durante o seu derradeiro ano de vida. Moitos trazos desta son aínda un misterio por descubrir, pero espero con este estudo aclarar un pouco como foi a súa curta existencia, segada aos 37 anos dun xeito tan inxusto como violento, e cales foron as causas polas que foi axustizada. Sirva tamén este estudo como homenaxe a todas esas mulleres que se enfrontaron aos falanxistas e non dubidaron en pór en perigo a súa vida.
[i] Rodríguez Fer, Claudio (2009): Ámote vermella. Vigo: Xerais.
[ii] Rodríguez Gallardo, Ángel (2008): Memoria e silencio na Galiza Contemporánea. Ponteareas: Novas do Eixo Atlántico, S.L.
Naceu en Santos (Brasil) o 16 de agosto de 1899, filla da emigración. Os seus pais, Benito Álvarez Baños, labrador xornaleiro -aínda que tamén traballou de canteiro-, e a súa nai, Rosa Pérez Rodríguez, dedicada as súas labores, volverán pronto a Ferreiros, a súa terra natal. Posiblemente regresaron primeiro a nai e as tres fillas: Tomasa, a maior, nacida en 1894; Erundina , nacida en 1899; e Josefa, a irmá menor, nacida no 1900. Posteriormente volvería Benito, o pai, pois este non está empadroado en 1918 pero si en 1920. No padrón de 1918 tamén aparece xa o fillo de Tomasa, José Álvarez, nacido en 1917
Terá Erundina tres fillas sendo aínda solteira: con 21 anos ten a María, nacida o 25 de agosto de 1920, con 24 a Justa, nacida o 5 de abril de 1924; e dous anos despois, o 12 de marzo de 1926, nacería a máis pequena das súas fillas: Encarnación. Viven todos xuntos, avós, fillas e netos, no número 108 de Ferreiros.
No padrón de 1924 aparece Erundina empadroada como ausente. Efectivamente vive nesta época en Ourense. En 1926 ten a súa terceira filla no primeiro piso do número 22 da rúa de San Francisco, a poucos metros onde dez anos despois lle arrebatarán a vida
En 1930 vive de novo en Ferreiros, mais xa non cos pais, senón soa coas súas tres fillas, no barrio de Cimadevila, preto da casa dos pais (segundo consta no padrón de 1930 e me confirman os veciños).
Alí vivirán ata que Erundina contrae matrimonio con Constante Álvarez González, un labrador viúvo e adiñeirado, domiciliado tamén en Ferreiros, o día 8 de maio de 1935. Tiña Erundina 35 anos de idade e Constante, o seu marido, 60. Marchan entón Undina e as súas fillas a vivir á casa de Constantino, no número 157 de Ferreiros.
Despois de casada, entre 1935 e 1936 marchan a Ourense, onde vivirán de aluguer na rúa Liberdade durante un corto período de tempo, o que explica que non apareza no padrón da cidade de 1935, e que, como di o historiador Julio Prada, ningún veciño consultado se lembre dela.
Segundo a neta de Erundina, Josefa Martínez Álvarez, veciña actualmente de A Illa (Entrimo), e a quen teño que agradecer a súa colaboración e interese, Erundina foi a vivir a Ourense co seu marido e as fillas. Pero segundo o escritor José Román Alonso Santos, iría sen el. Segundo este mesmo autor, en Ourense traballaba de camareira, e un día apareceu en Ferreiros para visitar ao seu home. “Unha mañá a súa casa apareceu rodeada pola Garda Civil e por carabineiros. Resultou que tiña escondido a un home de Barbadás, Francisco Cofán Eiriz, de 35 anos” (Alonso, 2016:69)[i]. Segundo Alonso, conta cunha testemuña directa, Dolores Fernández Domínguez, veciña do lugar, a quen entrevistou na primavera de 2011, e que na época do relato tiña 11 anos. Contoulle Dolores que, cando levaba as vacas a pacer, viu como a Garda Civil tiña a Francisco contra a parede. Seguindo a este autor, Erundina foi levada ata Entrimo enriba dun burro a modo de “nazareno” feminino. Despois sería trasladada á cárcere de Bande, mentres que Francisco, á de Ourense. Era o 23 de setembro de 1936.
Varios veciños me confirmaron que efectivamente sempre se lembrou na aldea como Undina marchaba de Ferreiros enriba do burro, seica porque estaba enferma. Nin así tiveron compaixón dela. Segundo estas lembranzas, Undina axitaba un pano branco mentres dicía: “Adeus, Ferreiros, que non te vexo máis”. Quedaría así confirmada a versión de Román Alonso.
[i] Alonso Santos, Román (2016): Saltando a Raia. Ponteareas: Novas do Eixo Atlántico, S.L.
Mais esta versión ten o contrapunto da que nos dá Josefa, a neta de Erundina, segundo a cal esta e Francisco serían detidos en Ourense. Fala a favor desta versión que Encarnación, a súa filla, sempre lles falaba de como ela, con só dez anos, e as súas dúas irmáns maiores, ficaran soas na casa da rúa Liberdade, e como foi un veciño chamado Miguel, anarquista, quen colleu as tres nenas para levalas a pé desde Ourense a Ferreiros. Contaba que fora unha viaxe moi dura, e que as tres rapaciñas non facían máis que chorar pola súa nai.
Efectivamente, o Padrón de 1940 proba que, nesa data, xa morta a nai, as tres están vivindo cos seus avós. Segundo relatou Encarnación, despois de que levaran a súa nai présa, nunca máis volveron a ver ao seu padrasto, e que a vida foi moi difícil.
Sexa como for, o que máis chama a atención do caso é o que Josefa sempre lle escoitou a súa nai, Encarnación: que o delator de Erundina fora o seu propio marido, Constantino, que, segundo a familia de Erundina, sería falanxista. Non sabemos cal podería ser a causa de tal delación -se realmente existiu- (ideoloxía, celos, medo...), pero o indubidable é que, de ser certa, conduciría a un tráxico final na cidade de Ourense.
Segundo a miña interpretación, parece probable que Erundina vivise en Ourense coas fillas, e nun momento dado, ten que fuxir con Francisco para salvarlle a vida a este, levándoo a Ferreiros, onde o esconde na casa do marido, quen posiblemente os denuncie para non verse involucrado.De feito, a pesar de ser detido o fuxitivo e máis a súa muller na súa casa, el se libra dun castigo maior. Claro que tamén puidese ser debido a que, como di a veciñanza, botase man do seu diñeiro. O certo é que Constantino tamén ingresa na cárcere o día 23, mais non temos a data da posta en liberdade. Mentres, as fillas quedarían en Ourense soas –a maior tiña xa 15 anos- ata que un veciño as leva a casa dos avós. Sen dúbida, unha viaxe a pé ata Ourense nesas circunstancias é algo que lle quedaría gravado a calquera neno: por iso non se pode dubidar deste testemuño de Encarnación.
Undina foi trasladada directamente desde Bande ao cuartel de San Francisco, onde será fusilada sen formación de causa en aplicación do bando de guerra por orde do tenente coronel Luís Soto Rodríguez, comandante militar da provincia de Ourense, por proporcionar refuxio a un fuxido. Efectivamente, como dixeramos, a causa foi agochar no seu domicilio a un fuxido opositor ao novo réxime imposto polos rebeldes. Este fuxido era Francisco Cofán Eiriz, comerciante veciño de Parada de Piñor (Barbadás), natural de Olleros (Lugo), home de esquerdas, identificado como participante no “único conato de resistencia” ao golpe que se produciu na cidade de Ourense: o corte das liñas telegráficas onde a gasolineira do Xardín do Posío, preto da Casa do Pobo. (Prada, 2004:64)[i]. Manuel Gómez del Valle e Fernando Cordón García dirixiron a operación: ambos serían os primeiros en ser fusilados no Campo de Aragón, o día 11 de agosto de 1936.
Tras ser detido Cofán, permaneceu na cárcere provincial de Ourense soamente entre os días 23 de setembro e o 5 de outubro de 1936, sendo ese día posto en liberdade, segundo os rexistros desta cárcere (o seu irmán, Manuel, fora apresado o 21 de agosto e liberado o 17 de setembro). Porén, dous días despois, o 7 de outubro, o asasinan dándolle o “paseo” na estrada de Reza, como indica Julio Prada (Prada, 2002:203)[ii]. Tiña 34 anos e dous fillos.
A pobre Erundina non correra mellor sorte. Sete días antes, o día 30 de setembro de 1936, con 37 anos, fora executada no Campo de Aragón, xunto a outras cinco vítimas, e inhumada o día seguinte na fosa común do cemiterio de San Francisco, (no número de nicho 923 segundo o libro de cemiterio), onde a Asociación Amigos da República levantou un monumento na memoria dos alí caídos, símbolo da loita pola liberdade fronte a represión franquista. O facultativo Dr. Álvarez Ruiz certifica que faleceu a causa dunha hemorraxia interna, “ignorándose as demais circunstancias” segundo o certificado de defunción.
Sorprende, en todo caso, a determinación e rapidez en levar a cabo a execución: podería obedecer a que se sospeitara que Erundina xa en outras ocasións axudara a escapar a fuxitivos, ou a súa participación con Cofán nos sucesos do Posío, ou responde simplemente á necesidade urxente de dar un escarmento exemplarizante ?
Nos seus derradeiros momentos, escribe unha emotiva carta de despedida as súas fillas, na que lles pide que sexan boas cos avós, e a estes, que coiden das súas netas. Lamentablemente, esta carta perdeuse hai un ano nun incendio. Unha carta que tardou moitos anos en chegar ao seu destino. Segundo algunha testemuña, foi un veciño de Ferreiros, xa falecido, quen recibiu a carta de mans de Erundina, e a traería á aldea onde lla dá ao párroco, que a esconde sen entregala. As miñas investigacións lévanme a pór en dúbida esta versión. O certo é que a carta non chega a mans da filla de Erundina, Encarnación, ata moitos anos despois de morta a nai, cando xa estaba afincada en Barcelona e viñera a pasar unhas vacacións a Ferreiros.
Nesa data, vai Encarna cunha veciña, Pepita, ao cemiterio de Ourense para ver de recuperar os restos da nai. Falan cun vello enterrador que lles di que iso é imposible. Cando Encarnación lle pregunta se sabe algo da súa nai, o enterrador respondelle que se lembra dela. Non é de estrañar, xa que foi a única muller alí fusilada. Pregúntalle se está disposta a ouvir o que lle vai a dicir, e Encarna dille que para iso está alí. Cóntalle entón que el presenciara cos seus propios ollos a execución: “cinco homes diante dela, que lle dixeron que se puxese de costas, ao que ela contestou que non, que quería ver a cara de quen a ía matar sendo inocente, para pedir a Deus de perdoalo”. Despois do tiro de graza, el mesmo a recollería do paredón (o muro que separaba o cemiterio do campo de Aragón), a depositaría na fosa común cos outros fusilados, e botaríalles pedras por riba.
Sabemos de Erundina que sabía ler e escribir, o cal é destacable se temos en conta a época, e que estamos a falar dun ámbito rural. Tamén sabemos polo que contaban os vellos do lugar, que non lle gustaba que a chamasen Erundina, senón “Ondina” (en realidade ela firmaba “Undina”). Tiña un carácter libertario, como testemuñan as súas tres fillas sendo solteira e unha fama de “comunista”, tendo, a dicir dos seus descendentes, “moita actividade política”, . Podemos imaxinar, con estes datos, a reputación que se lle atribuiría nunha época tan machista na que non se concibía que unha muller puidese ter certas liberdades; máis ben ningunha. De feito, contoume a súa bisneta, Vanesa, afincada en Francia, que a súa avoa Encarnación sempre vivira coa pena de pensar que a súa nai fora prostituta. Non temos comprobación de cal era o oficio de Erundina nestes anos, pero tal etiqueta puidese moi ben responder a unha sociedade dominada polo franquismo intolerante e machista, na que, en definitiva, todas as nais solteiras eran “putas”, e as anarquistas e comunistas tamén.
[i] Prada Rodríguez, J. (2004): Ourense, 1936-1939: Alzamento, Guerra e Represión. A Coruña: Castro.
[ii] Prada Rodríguez, Julio (2002): “A memoria esquecida: os primeiros fusilados ourensáns”, Boletín Auriense, Tomo 32, pp. 195-227.
Foi unha muller deostada, aínda despois de morta -un falanxista da Terrachán, como recolle Alonso no seu libro, comentaba a súa pena por non poder asistir ao fusilamento, para darlle o tiro de graza a Erundina (Alonso, 2016:70)-.
Mais non quere a súa familia que nas memorias quedase a figura de Undina como unha muller de mala reputación. Eu digo que todo o contrario. Penso que é hora de rescatar a honra desta muller, que independentemente de cal fose o seu oficio, tivo a coraxe de axudar a un fuxitivo a escapar dunha morte segura, cando moitos non facían nada, sen importarlle pór en perigo a súa propia vida. Unha muller que foi quen de sacar adiante, mentres conservou a vida, as súas tres fillas, nunha sociedade que non aceptaba a liberdade sexual das mulleres, nin a súa independencia, nin, por suposto, que tivesen ideoloxía. Entre as mulleres ourensáns dos anos 30 había moi poucas activistas, e as que houbo, foron asasinadas dun tiro na caluga.
A Undina matárona por axudar aos republicanos, por ter costumes afastadas da moral católica e por ser muller insubmisa perante os estándares que reclamaba o franquismo. Por dar a vida enfrontándose ao fascismo, e por exercer de muller libre en medio daquela opresión, merecería unha dobre homenaxe. A súa execución, sen dúbida, tiña un obxectivo exemplarizante: nin sequera o feito de ser muller libraría a ninguén de pagar coa súa vida o feito de agochar fuxitivos. Eu diría máis: especialmente se era muller. Dito obxectivo queda claro coa nota de prensa sacada pola “Región”, na que se dá conta da causa da execución de Erundina.
O lugar do fusilamento, o Campo de Aragón, recibirá o nome, nos vindeiros meses, de “Praza da República”, cun memorial en honor de Erundina e os demais homes alí executados pola barbarie fascista, segundo aprobou o pleno municipal do pasado 4 de maio de 2018. Sería desexable na inauguración do memorial, unha mención especial para esta muller, símbolo da loita contra a represión fascista e símbolo, á vez, da loita contra a opresión machista dunha sociedade en que á muller non se lle permitía saír dos canles marcados polos homes.
No entanto, a familia de Erundina aínda devece porque os seus restos poidan ser trasladados ao nicho familiar en Entrimo, e descansar xunto a súa filla alí enterrada. Sería de xustiza que esta espera non demorase nin un segundo máis.
O poeta Claudio Rodríguez Fer dedicou un poemario, Ámote vermella, ás mulleres que foron vítima do fascismo, entre elas Erundina. Reproduzo o poema deste libro dedicado a ela como broche a este estudo que espero sirva para coñecer e dignificar a figura da única muller fusilada en Ourense polos traidores fascistas.
Morte Oficial dunha muller descoñecida
En réquiem por Erundina Álvarez Pérez, fusilada en Ourense a 28 de setembro de 1936, acusada de agochar a un fuxido na súa casa, e a todas as mulleres das que só se sabe que existiron porque precisamente se lles arrebatou a existencia.
Aos historiadores Julio Prado e Marcos Valcárcel.
Ámbito: Partido Xudicial de Ourense.
Listaxe: Encausados pola xurisdición de guerra
(20-7-1936/31-12-1939).
Nome: Erundina.
Apelidos: Álvarez Pérez.
Enderezo: Non consta.
Concello: Ourense.
Sentenza: Non consta.
Delito: Non precisado.
Pena: Morte.
Isto é todo.
Pero ela amaba.
Quizais cosía, facía caldo,
gustaba da ponte sobre o río.
Non podemos contentarnos
con que só quede dun ser
un nome na estatística.
E menos polo feito de ter sido
muller, humilde e solidaria.
(De Ámote vermella, Vigo, Xerais, 2009)
Quero agradecer a Josefa e Vanessa, neta e a bisneta de Erundina, a súa colaboración, así como aos historiadores Julio Prada Rodríguez e Román Alonso Santos. Igualmente aos funcionarios Carmen e Fernando do Arquivo Municipal de Ourense, do Arquivo Histórico Provincial, do Rexistro Civil, a Pili do Museo Arqueolóxico, a Chus, funcionaria no Concello de Bande, e aos funcionarios do Concello e o Rexistro de Entrimo, especialmente a Isabel -grazas a ela atopei aos descendentes de Undina-, polo seu interese e axuda.
Arquivo Municipal de Ourense: Padrón 1935, 1940; Libro de Cemiterios, 1936; La Región, 1936.
Arquivo Histórico Provincial: Cajas de Prisión de C-12926 a C-12972; Libro de Filiación de Reclusos nº 10360 e 10361; Caja Prisión de Bande.
Rexistro Civil de Ourense: Partida de Defunción de Erundina.
Museo Arqueolóxico: Artigos sobre a represión publicados no Boletín Auriense.
Arquivo Concello de Entrimo: Padróns de 1918, 1920, 1924, 1930, 1935, 1940, 1945, 1950.
Rexistro Civil de Entrimo: Libros de nacementos, matrimonios e defuncións entre 1894 e 1929.
O Campo de Aragón